16 de Xuño 2016

Celebración do XLV Simposio Médico-Social e a XXIII Asemblea de FEDHEMO

Os pasados 28 e 29 de maio Santiago convertiuse no lugar de reunión dos hemofílicos de toda España, que sumaron máis de 450 participantes nesta ocasión, baixo o lema “O futuro xa é presente”. A recepción dos asistentes celebrouse o día 27 no Hostal dos Reis Católicos compostelán, dando paso na mañá seguinte á inauguración do Simposio Médico-Social nos salóns do Hotel Puerta del Camino. Inaugurou dito acto o conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, quen garantiu os mellores e máis eficaces tratamentos para os pacientes con coagulopatías conxénitas. Previamente interviron Laura Quintas, coma presidenta de AGADHEMO, e Daniel-Aníbal García Diego, coma presidente de FEDHEMO, subliñando a necesidade de mellora en moitas comunidades españolas, especialmente en canto aos tratamentos de profilaxe, e o bo exemplo da situación actual en Galicia.

As conferencias do Simposio, repartidas en dous módulos, amosaron aos hemofílicos as esperanzadoras novidades en canto a tratamentos de longa duración, a problemática da saúde nos pacientes hemofílicos de idade madura, a aparición de novos fármacos no tratamento do VIH e as pautas recomendables para unha calidade de vida óptima no paciente hemofílico. Concluido o Simposio, os asistentes disfrutaron dunha comida de confraternización nos salóns do Hotel Los Abetos.

O domingo 29 celebrouse a Asemblea Nacional de FEDHEMO no Hotel Puerta del Camino. Ademais de cumplir coa orde do día da mesma, a mensaxe principal que se tentou transmitir aos asistentes foi a do optimismo ante as perspectivas que ofrece o futuro a medio prazo para a nosa enfermidade. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, foi o invitado a dar por clausurada a Asemblea, apostando no seu discurso pola utilización dos mellores fármacos sen poñer trabas económicas para os mesmos.

Os actos deste intenso fin de semana para a comunidade hemofílica española remataron cun xantar e a saída dos asistentes aos seus domicilios.

Deixa unha resposta