15 de Marzo 2018

XXX Asemblea de Agadhemo

O pasado 11 de marzo tivo lugar a XXX Asemblea Ordinaria de Agadhemo na Illa da Toxa. Ata alí desprazáronse 135 persoas con coagulopatías conxénitas para participar nesta xornada.

Durante a asemblea, ademais de repasar a xestión e resultados xerais da Asociación durante o ano 2017, fíxose un repaso das actuacións e as mobilizacións por parte da entidade para conseguir que o Sergas manteña a súa vontade de diálogo cos pacientes con algunha coagulopatía, facéndoos partícipes das decisións relacionadas coa seguridade dos seus tratamentos. Acordáronse tamén as liñas de actuación para este ano 2018.

Esta actividade supón un punto de encontro para todas as familias e persoas con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas para coñecer e poñer en común os últimos avances que melloran a calidade de vida e ofrecen opcións a os doentes a través de novas liñas terapéuticas e maior eficacia e seguridade nas mesmas.

O peche da Asemblea contou coa asistencia do Vicepresidente de Cogami Ramón Sestayo, do Secretario da RFVE  Rubén Cuesta, a Deputada provincial Digna Rivas e co  Conselleiro de Sanidade Jesus Vázquez Almuíña.

Destacouse o momento de cambios que estamos a vivir con respecto aos novos fármacos e o compromiso do Sergas para seguir liderando o cambio, sinalando que o obxectivo do sistema sanitario galego é “asegurar unha adecuada calidade” e unha “case normalizada” esperanza de vida para os pacientes con hemofilia.

Foto asamblea a toxa

Deixa unha resposta